Tres libros de divulgación científica

Chegan á nosa biblioteca tres libros que, aínda que moi distintos entre si, comparten tres características: son divulgación cientíca da boa, doada de ler e chea de coñecementos interesantes.


O moucho voa
(Miguel Vázquez Freire, Xerais, 2022) é unha doada, sinxela, entretida e moi aproveitable introducción á filosofía, que pode ser lida por alumnado curioso de 3º e 4º da ESO, e por calquera adulto. Escrito en forma de diálogo, trata dos principais temas que preocuparon aos filósofos e filósofas ao longo da historia: o ser, a verdade, o ben e a xustiza. Unha lectura perfecta para comprender que a filosofía é algo que atinxe á vida diaria e ao modo en que vivimos e convivimos en sociedade.



¿A que altura está o ceo?
(Jorge Mira, Alvarellos, 2020) é unha viaxe dende a atmósfera que nos envolve até o confín das máis afastadas galaxias para que comprendamos mellor o universo no que habitamos. O autor explica de forma sinxela os conceptos máis complexos e lévanos de abraio en abraio por un mar de distancias astronómicas, ao mesmo tempo que imos acompañando aos distintos científicos e científicas que foron descubrindo o cosmos. Moi recomendable para o alumnado de 3º e 4º ESO e os adultos con curiosidade e interese polo Universo.



Terra
(Galaxia, Xurxo Mariño, 2017) é a narración da volta ao mundo que o autor e a súa parella fixeron durante un ano, dende as selvas africanas até Finlandia, pasando pola Patagonia, Perú, o Amazonas ou Mongolia. Unha narración amena chea de anécdotas, historia e unha mirada científica que axuda a que vaiamos entendendo as grandes diferencias xeolóxicas, de fauna e de flora (e humanas) das distintas partes do planeta. É a lectura menos pensada para a mocidade, aínda que algún ou algunha lectora experta e curiosa seguro que a goza. O idóneo ir lendo ao mesmo tempo que se ven as imaxes que o autor fixo: Vagamundeando.


Unha recensión de Marcos Taracido


Comentarios