O CPI Plurilingüe de Vedra galardoado co V Concurso de Podcast - Radio na Biblio


O CPI Plurilingüe de Vedra é galardoado co V Concurso de Podcast - Radio na Biblio polo traballo titulado Francisco Fernández del Riego e o Galician Program, que afonda na labor do autor homenaxeado nas Letras Galegas deste ano elaborando guións para un programa sobre cultura galega, en galego, que a BBC emitiu mentras a nosa lingua estaba prohibida polo réxime franquista.

O guión e a locución do traballo foi a cargo do alumnado de 2º ESO Iago Lago Villanueva, Catuxa Lodeiro Fernández, Ángela Nebra Iglesias e Lola Valle Ledesma.


Podes escoitar o podcast Fernández del Riego e o Galician Program aquí:

_______________________________

Este é o texto do podcast:

Ola a todas e todos.
Somos Catuxa, Ángela, Lola e Iago e ímosvos falar sobre Francisco Fernández del Riego e a súa colaboración co Galician Program da BBC de Londres.
O Galician Programme foi un programa radiofónico que xurdiu en Londres durante o franquismo, etapa na que a lingua galega estaba prohibida en España polo que  a produción cultural do galego era mínima, e a maior parte da actividade intelectual desenvólvese no exilio. Emitíronse 83 programas entre os anos 1947 e 1956.
A BBC de Londres emite o programa os luns, dándolle arredor de 15 minutos a cada lingua prohibida: galego, catalán e eúskaro. O Galician Programme xorde como resposta á demanda da audiencia española coa intención de rehabilitar os valores autóctonos.
Estas emisións teñen un grande impacto, xa que a radio tiña gran importancia nestes anos sendo o principal medio de comunicación.
O director do programa era Alejandro Raimúndez, un galego exiliado en Londres. Este contou coa colaboración de Fernández del Riego dende Galiza, que sería o que faría a maior parte dos guións, mecanografaría a maioría dos textos e o que se encargaría de solicitar as figuras que colaboraran nos programas. Raimúndez, baixo o pseudónimo Xabier Fernández, presentaba o programa e lía os textos. Del Riego firmaba co nome de Salvador Lorenzana.


Emisora de Londres da BBC. Están escoitando a canción escocesa Cock O' the North, o galo do norte co que abrimos a nosa transmisión en lingoa galega.


Damos comezo ó noso programa, cun traballo titulado “En lembranza de Manuel Murguía” preparado especialmente pra a BBC polo escritor Salvador Lorenzana. Di así o traballo.

“No mes de febreiro de 1923 morre don Manuel Murguía. Rematan de se cumprir, pois, vintecinco anos dende a súa morte. Co gallo diste cabo dano resulta obrigado adicar unha lembranza ao gran precursos das Letras Galegas.
Murguía tiña nado en 1853, un dos anos típicos do Romanticismo. A súa mocedade lábrase co abanearse dos ventos románticos. Sendo moi novo, e xa un escritor de soado nome; é un novelista, un crítico, un xornalista coñecido, que conquire, mozo aínda, un posto enlevado ao mundo literario de madrí…”
Ista noite, vamos a radiar dous traballos: un de Salvador Lorenzana encol de Castelao, i-outro de Plácido Castro sobor dos recentes libros galegos. Escoiten primeiro a evocación de Castelao escrita por Salvador Lorenzana. Dí así:

“Pero en Castelao, tanto como a obra val a conducta, a sua fonda honradez, o seu tremendo valor humán, a limpa e insobornable adicación a Galiza. O seu amor ten sido, en todal-as etapas da sua vida, exaltado pol-o temperamento lírico, pol-o humorismo, e pol-o vasallaxe fiel que rendiu de cote â realidade que ô arrodeaba. A sua mesma prosa irisada, onde a metáfora alumea coma un lóstrego, sírvelle para anunciar sintéticamente os problemas e o fondo drama do seu país.”
Escoiten o noso colaborador “Salvador Lorenzana” que vai a transmitir un traballo tidoado “Literatura Universal na Língoa Galega”. Salvador Lorenzana:

“A fala galega, dócil e máxica, empréstase nista hora, a decir os máis puros acentos da literatura universal. Adícase hoxe, en Galiza, preferente atención ó labor das traduciós…”

“As dificultades pra traducir poesía, non é mester ponderálas; son evidentes. O feitizo da poesía depende, en moito, das palabras. Cando sobre dílas se opera a máis livián mutación, córrese o risco de destruílo. Poesía é espresión. Sustituír, pois, a totalidade dos elementos verbás dun poema, por outros de distinta língoa, implica, en calisquer caso, un grave albur.
Segundo o investigador Antonio Raúl de Toro:

“Estes programas son un documento histórico de gran valor, polo que supuñan de feito insólito, pois a lingua prohibida nos medios de comunicación do país podía escoitarse en todas as aldeas, vilas e cidades de Galicia ao sintonizar a BBC.”

“Esas ondas de radio que chegaban aos receptores significaban un pouco de alento para tantos que arelaban o acordar do letargo de Galicia e a súa cultura. Visto deste xeito, os programas en galego da BBC contribuíron a manter a labarada viva da esperanza, na espera de mellores tempos”

E o propio Fernández del Riego dixo posteriormente que “naquelas horas de mal agoiro” a emisión do Galician Program foi “en beneficio do noso ser diferenciado.
Atá aquí chegamos.

O pasacorredoiras que soou durante boa parte da gravación é o pasacorredoiras de Arnoia (do disco Noitarega -XXI) con que moitas veces pechaba o Galician Program, e agora deixámosvos coa outra melodía que adoito soaba ao final do programa, o Alalá de Bande interpretado por Moisés Quintás.

A nosa transmisión terminou.

Comentarios