O CPI de Vedra coas LETRAS GALEGAS en Lourenzá

 O Día das Letras Galegas dedícaselle este ano 2023 ao laurentino Francisco Fernández del Riego. Por este motivo, Vedra medra co alumnado de 3.º ESO desprazouse á Mariña lucense para visitar a vila natal do escritor, Vilanova de Lourenzá.  

Alí, da man do servizo de turismo do concello, realizamos unha visita cultural guiada.

Preme na imaxe para acceder ao album

Os centros de interese sobre os que xirou a visita foron: a exposición “110 anos de Del Riego” que puidemos ver no salón de actos da casa do concello onde tamén tivemos ocasión de asistir á proxección do audiovisual “D. Paco volve a Lourenzá”.

Percorremos Vilanova coa axuda da audioguía “Vilanova de Lourenzá vista por don Paco”, que nos permitiu reparar e coñecer detalles da súa casa natal, atravesar a rúa Principal, a glorieta de Xulia Minguillón, a travesía da Mariña ata chegar á praza do Conde Santo. Despois entramos na igrexa de San Salvador, unha das xoias do barroco galego. E diante do sartego de Osorio Gutiérrez, O Conde Santo, escoitamos o que a tradición e a historia contan deste nobre, fundador do mosteiro de San Salvador. 

Dirixímonos logo ao Centro de Interpretación da Faba, produto local con denominación de orixe, no que aprendemos sobre o cultivo e o procesado da faba de Lourenzá. Recordábase alí o pregón que don Paco lera na 8.ª edición da Festa da Faba en 1998.  

Finalizou o noso percorrido na mostra de xoguetes tradicionais que se pode ver nun local sito na praza de César Chavarría. Esta mostra recolle os traballos feitos e publicados polos laurentinos Manuel García e Xosé López sobre o mundo lúdico tradicional. Xúntanse na sala con textos de don Paco en que recorda os xoguetes cos que el e os seus amigos xogaban na Vilanova da súa infancia. 

Lembremos que este curso 22-23, o noso proxecto chámase O Camiño tamén dá xogo, e Lourenzá agasallounos dobremente ao poder poder participar na dita mostra e ao ser concello, coma Vedra, polo que pasa o Camiño.


Xulia Marqués

Coordinadora do EDLG e de Vedra medra

Comentarios