Seguro que estes días traballastes moito no CPI a igualdade de xénero, e gustaríanos compartir con vós un interactivo que elaboraron en RTVE que é unha viaxe no tempo ao machismo da nosa adolescencia.
Cando nós, as vosas nais e pais, andábamos polo patio do cole, as mozas facíamos tests en revistas como a Superpop ou a Bravo, nos que nos dicíamos se eramos “gatiñas” ou “tigresas”. Os rapaces tamén tiñan as súas revistas, nas que lle daban consellos do que era ou non aceptable nas mozas: que fosen discretas ou atrevidas, troceando o corpo como un despece dunha carnicería.
Subíamos ao bus comentando Operación Triunfo, onde os quilos de Rosa López eran un asunto central e os profesores e profesoras da Academia insistíanlle en que tiña que ter un corpo normativo para triunfar na música. Outras cousas non cambiaron demasiado, como os videoclips nos que se cousifican os corpos das mulleres, ou películas que reproducen os mitos do amor romántico.
Animámosvos a que visitedes o enlace https://lab.rtve.es/8m-machismo-adolescencia/ e busquedes a data de nacemento da vosa nai e do voso pai, para que fagades unha viaxe no tempo e coñezades como se trasladaba de forma moi evidente un machismo que estaba moi interiorizado en revistas, videoclips, películas... Como medramos con mensaxes que nos dicían cal era o modelo de muller aceptable no que había que encaixar. Isto coñécese como violencia simbólica e afecta ás nosas crenzas, aos modos nos que nos relacionamos, ás nosas expectativas.
Aínda que os exemplos que veredes neste interactivo son moi obvios, tamén vos poden axudar a identificar outras formas de machismo que non tan graves, pero que se continúan trasladando nos contidos que consumides a través do móbil, nas redes ou no audiovisual. De feito, podedes probar a meter a vosa propia data de nacemento para comprobar como as formas cambian, pero as mensaxes machistas perduran no tempo. Saber identificalas é a mellor vacina para que a igualdade sexa unha realidade.
Un artigo da ANPA A BOCA
Comentarios
Publicar un comentario
Os comentarios están moderados. Por favor, sé respectuoso e coida a redacción para ser ben comprendido. Non se admitirán comentarios anónimos.