Máis de 100 rapaces e rapazas do CPI de Vedra e da contorna participaron en dúas actividades deportivas que propuxemos desde a ANPA ‘A Boca’ do CPI Plurilingüe de Vedra, grazas a unha colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, para traer para o alumnado do centro propostas alternativas no seu tempo de lecer, a través do programa Corresponsables.
A máis recente foi o domingo 19 de marzo, na que 40 rapaces e rapazas achegáronse aos deportes urbanos nunha Xornada de Parkour e Breaking (Breakdance) desenvolvida no Pavillón Municipal de Lestedo. Durante dúas horas participaron nos obradoiros de iniciación dirixidos por monitores especialistas, Rubis (GUP), bboy Retrokid (Compostela Breakers) e bboy Moncho (Vella Escola).
Neste obradoiros traballáronse os conceptos e as técnicas máis básicas do Parkour e do Breaking, repartidos entre o Parkour Park e a pista de baile.
Durante a última parte do taller fixeron uso libre das instalacións para practicar o aprendido no obradoiro, con algunha exhibición moi espectacular de break dance.
Aquí podes ver algunhas imaxes dese día: https://photos.app.goo.gl/sGbvhDmWB2JT6iD37
As carreiras de orientación
Previamente, durante as vacacións de Entroido, as mañás foron moi diferentes para os 70 rapaces e rapazas que participaron nun Campus de Aventura e Orientación de tres días, dentro da mesma colaboración coa USC. Nesta actividade coñeceron os raid de aventura, organizado polo equipo do Raid Gallaecia, unha proba das series mundiais de aventura e da escola de orientación de Gallaecia.
Os raids de aventura son un deporte multidisciplinar que inclúen carreira de montaña, BTT, actividades de cordas, todo baixo o marco da orientación deportiva. Primeiro, coñeceron a través de vídeos e fotografías como son os raids de aventura, para despois coñecer os materiais que se empregan: bicicletas, cascos, portamapas, iluminación, baterías, comida, material de escalada, material de seguridade ou primeiros auxilios. Tamén tiveron a oportunidade de coñecer como son os mapas destas carreiras e como empregar o compás, elementos básicos das carreiras de orientación.
A terceira xornada, aínda que a chuvia ameazou toda a mañá, puideron saír por Vedra divididos en grupos por idades e facer unha práctica dunha carreira de orientación cun mapa da zona. Foi unha mañá de lama e pés mollados, que lles permitiu gozar da natureza da súa contorna dun xeito totalmente distinto.
Son dúas experiencias diferentes, nas que comprobamos que o deporte é unha forma moi divertida e saudable de empregar o noso tempo libre, máis aínda se o compartimos con outros rapaces e rapazas.
Un artigo da ANPA A BOCA
Comentarios
Publicar un comentario
Os comentarios están moderados. Por favor, sé respectuoso e coida a redacción para ser ben comprendido. Non se admitirán comentarios anónimos.