DE RE TOPONIMICA: Nadal na época romana


Podes escoitar este artigo na voz das súas redactoras:

______________
Un artígo de Uxía, Claudia, María, Lucía e Alicia

Neste número da revista falaremos do Nadal na época romana. Como eran os doces, agasallos e festexos daquela... E moitas cousas máis, para que vexades que ao mellor non celebraban o Nadal  dun xeito tan distinto a nós. Así que, sen máis voltas, comezamos…  

As Saturnalias eran unhas festas que se celebraban en decembro, un dos meses preferidos dos romanos. Estaban  dedicadas ao deus Saturno, e viñan a ser unha mestura  do noso Nadal e o Entroido. Ao comezo, facíanse o 17 de decembro pero como acadaron moita sona acabaron por alongalo do día 17 ao 19. E aínda así non chegaba, e decidiron prolongalo  ata o 23 de decembro, marcando así o final do ano. 
Debuxo do mes de decembro, cos dados saturnais e a máscara (oscilla)



Na actualidade,  reunímonos coas nosas familias e amigos, con moita  comida na mesa, pero os romanos usaban o triclinio que era un asento estreito e longo situado arredor de tres lados da mesa e sobre o que eles se reclinaban para comer.

Ós romanos chiflábanlles os doces, non había festexo no que non estiveran presentes e en abundancia. Unha das receitas máis coñecidas eran os follados que enchían con uvas pasas, noces, mel, piñóns ou améndoas torradas.

Nós non só tomamos dos romanos o costume das grandes comidas e ceas coas que despedimos o ano, senón que tamén herdamos deles a sobremesa tan típica do día de Reis, o roscón. Este, efectivamente, é un invento da Roma clásica. Antes comíase unha torta redonda, coma o sol, para celebrar que os días empezaban a ser máis longos. Dentro do roscón metíase unha faba, símbolo de fertilidade e prosperidade, e a quen lle tocara, outorgáballe un ano enteiro de boa sorte. 

E falando de agasallos. No último día das Saturnalias, tiña lugar a sigillaria unha celebración na que se intercambiaban regalos entre familiares e amigos. Era costume acompañar os agasallos cuns versos a modo de dedicatoria, o que aínda lles daba máis valor. E grazas ás recompilacións destas frases agarimosas  podemos saber o que se regalaban os romanos entre eles.  Algúns exemplos eran: perfumes, estoxos de madeira ou marfil, viño, togas,  pergameos cun texto de Cicerón… 



Para rematar falaremos da lotería na antiga Roma. Os romanos tamén tiñan unha cita coa sorte e coa deusa Fortuna nas Saturnalias. Os xogos de azar estaban prohibidos en Roma pola lei e só se permitía xogar nesta época. 

Entre estes xogos, os dados eran os máis comúns e aos que máis se podía apostar. Eran moi populares entre os ricos e emprendedores e neles podíase gañar ou perder moito diñeiro. 

Nas Saturnalias, os escravos  podían ter golpes de fortuna. Recibían máis comida e de mellor calidade, e, sobre todo, máis viño. Tamén gañaban diñeiro extra dos seus señores que adoitaban aforrar para comprar a súa liberdade.

Cando os romanos gañaban algún tipo de premio, adoitaban facer xestos simbólicos.

A colaboración para este número da revista realizouse a partir da lectura de “Esta vida es un regalo” do libro Calamares a la romana de Emilio del Río.

E no próximo número, cambiaremos de tornas e falaremos xa da toponimia de Vedra que ten relación na súa orixe coa flora e coa fauna.

E para despedirnos nestas datas, facémolo como sabemos, en latín desexándovos:

Felicem natalem Christi!

Comentarios

Publicar un comentario

Os comentarios están moderados. Por favor, sé respectuoso e coida a redacción para ser ben comprendido. Non se admitirán comentarios anónimos.