O camiño tamén da xogo!



Comezamos a andaina este 2022-23 repetindo camiñadas pola Vía da Prata aínda que esta vez traballaremos asociada a temática do xogo popular e tradicional galego.

A iso responde a escolla dun lema coma O Camiño tamén dá xogo! que nos identificará ao longo de todo o curso.

De todos é sabido que Galicia ten un patrimonio lúdico significativo en número e cun elevado nivel de conservación. E dende Vedra medra queremos aprender sobre o xogo, xogando, coas avoas e os avós da nosa rapazada e saber daqueles xoguetes que formaron parte da súa nenez.

O Camiño tamén dá xogo! está inscrito no programa de innovación educativa PROXECTA + “Vexo, veo Xacobeo” promovido desde a Vicepresidencia Primeira e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo Axencia de Turismo-S.A.de Xestión do Plan Xacobeo.

Entre as primeiras actuacións, que estamos xa a desenvolver, figuran un obradoiro de radio e a recepción da instalación interactiva Vía da Prata co seu xogo de habilidade sobre o roteiro. Agardamos tamén con ansia a mañá do 11 de novembro (celebración do Magosto) que virá con castañada pero chea de xogos para todas as idades e de tipoloxía diversa (populares e malabares, de mesa, tradicionais).

 E, claro está, seguimos programando saídas didácticas para achegar o noso alumnado á Vedra patrimonial. 


Xulia Marqués

Coordinadora do EDLG e de Vedra medra




Comentarios