DE RE TOPONIMICA: CODOLGA

Se o día de mañá queres ser un bo historiador ou un bo filólogo debes coñecer este recurso que agora pasamos a presentarche:

CORPUS DOCUMENTALE LATINUM GALLAECIAE
 (acrónimo CODOLGA)
 

_______________

Tamén podes escoitar este artigo na voz das súas redactoras:

_______________


O CODOLGA [http://corpus.cirp.es/]é unha base de datos de textos documentais relacionados coa Gallaecia desde o século VI ao XV, ambos inclusive. Na edición de 2021 inclúe 18.873 rexistros.

O CODOLGA permítenos seguir as pegadas dun topónimo na documentación escrita. Podemos ver, deste xeito, como transcorre a vida escrita dun nome ao longo do tempo e mesmo atopar pistas fiables para reconstruír o seu étimo.

Estamos diante dunha ferramenta de busca moi áxil e completa que nos dá a posibilidade de filtrar unha gran cantidade de información.

Poñamos por caso que nos interesa coñecer datos documentais relativos ao Pico Sacro, ben coñecido en toda a Ulla por ser unha referencia xeográfica importante e por formar parte da lenda xacobea da translatio.

Os primeiros testemuños documentais do Pico Sacro refírense a el como (monte) Illicinus, termo relacionado co apelativo latino ILEX ‘aciñeira’.

No ano 883, encontramos no Tombo A da catedral de Santiago, a primeira referencia a un monte sagrado, aos que os antigos chamaban Ylicinus:

quam dicunt Montem sacrum, qui antiquitus uocabatur Ylicinus”.

No ano 914 figura en diversas citas incluídas nos tomos 2, 3, 4, 5, 6 e 7 da Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela de López Ferreiro: “in monte quod quondam Illicinus dictus est”.
Do ano 987 é outro documento, do Tombo A da Catedral de Santiago e do Tombo Colorado, en que se mencionan os lugares de San Mamede, San Xurxo, San Vicente e San Xoán do Ermo, nas proximidades do “montis Illiciti, quem dicunt montem sacrum iuxta fluuium Ulie in ipsa ripa” (isto é, do Monte Ilicino, que din Monte Sacro xunto ao río Ulla nesa ribeira).

Outra denominación, tamén latina, para referirse ao Pico como acabamos de ver é MŌNTEM SACRUM ‘monte sagrado’. É frecuente ler desde os primeiros documentos “quam dicunt Montem sacrum” (ano 883) ou “uocatus Mons Sacer” (904).

A beizón do monte por parte dos discípulos de Santiago tras o enfrontamento co dragón e a mudanza dos touros bravos en bois mansos así como a posterior conversión da raíña Lupa operou este cambio de nome. Isto débese á transformación do espazo, inicialmente pagán, en cristián.
Se algún investigador é coñecedor dos textos latinos medievais relacionados coas terras vedresas e O Pico ese é don Antonio López Ferreiro, historiador, arqueólogo e cura da parroquia de Vedra á altura de 1860. O cóengo, que pasou os seus últimos anos de vida en Pazo Galegos en San Pedro de Vilanova, finou aquí o 20 de marzo de 1910.

Grazas ao  proxecto CODOLGA temos á nosa disposición os 11 tomos da súa obra máis importante, a Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela  e outras coleccións documentais coma o Tombo A da catedral de Santiago de Compostela ou o Tombo Colorado e outros códices da igrexa compostelá.

O CODOLGA bota a andar no ano 1994 e o seu director actual é Xosé Carracedo Fraga. Este profesor da USC é tamén o coautor doutra ferramenta imprescindible para aqueles que estudamos latín e o que o facemos desde e en galego.

Estamos a referirnos a LATINGAL, Dicionario latín-galego para móbiles con máis de 30.000 entradas e que foi elaborado con Raúl Gómez Pato.

LATINGAL conta cun sistema de busca, que pode facerse por palabra ou aplicando algúns dos filtros da busca avanzada (“comeza por…”, “contén…”, “termina en…”) e permite, ademais, especificar o tipo de palabra e o caso.

Das máis de 30.000 entradas que contén, ofrece a súa categoría gramatical, o equivalente galego, indicacións semánticas e de uso e mais exemplos.



No próximo número: 

SAPERE AUDE, INCIPE (Atrévete a saber, empeza!)….

Sobre panxoliñas, agasallos, doces e certos costumes que tiñan os romanos en NADAL.

Comentarios