DE RE TOPONIMICA: Vedra

 


Presentámonos…

Somos media ducia de mulleres as que formamos parte da materia e Departamento de Latín este curso. É un Departamento en feminino composto por cinco alumnas Claudia, Uxía, Lucía, Alicia e María e a profesora, Xulia. Xuntas, imos elaborar cada mes unha achega etimolóxica aos topónimos (nomes de lugar) do concello de Vedra de orixe latina. Á nosa sección chamarémoslle DE RE TOPONIMICA, isto é, de asuntos relacionados coa toponimia local. Acollerá curiosidades e sabenzas arredor dos nomes propios dos lugares e parroquias vedresas. E aclaramos, cando falamos de ETIMOLOXÍA, estamos a referirnos á orixe de cada nome, é dicir, á súa verdade (étimo en grego é verdadeiro). Neste caso, nós centrarémonos nos de ascendencia latina. E imos sobradas de exemplos, pois arredor dos 80% dos topónimos de Vedra son de ascendencia latina.  


VEDRA

O actual nome do concello e parroquia de Vedra ten a súa orixe no adxectivo VĔTĔRA que significaba en latín  'vella'. Pero a quen se refería este cualificativo? Había por estas terras talvez unha fonte vella, unha casa vella ou unha torre vella que puidesen estar na orixe deste nome propio? Pois non,  en realidade nada ten que ver con ningunha destas construcións senón que Vedra chamouse así pola súa padroeira Santa Eulalia.

 O adxectivo VĔTĔRA viña aparecendo desde comezos do século XIII na documentación ao lado do nome da santa, Santa Eulalia (Sta. Baia) Vedra. A preposición -de- usada na actualidade é posterior ao século xviii pois aínda no Catastro de Ensenada non figuraba este enlace Santa Eulalia (de) Vedra.

Na toponimia local queda un testemuño do cualificativo vedra noutro topónimo Eiravedra (na parroquia de Santa Cruz de Ribadulla) e na toponimia galega é ben coñecido o nome da provincia e cidade de Pontevedra

E de parella formación a aquela orixinaria Santa Eulalia Vedra está  o actual Santiavedra (Santalla Vedra) existente en Bardaos no concello coruñés de Tordoia.

Cómpre lembrar ademais que a forma latina sancta eulălĭa deu múltiplas variantes en galego: Santaia, Santalla, Santa Oalla, Santaballa, Santa Baia e Santa Eulalia.


                                   NO PRÓXIMO NÚMERO FALAREMOS DE...

CORPUS DOCUMENTALE LATINUM GALLAECIA (CODOLGA) e da súa importancia para todo aquel interesado na busca de textos e fontes documentais relacionados coa Gallaecia entre os séculos vi e xv.


Tamén podes escoitar este artigo na voz das súas redactoras:

Comentarios