Fiadeiro é a revista escolar do CPI Plurilingüe de Vedra, unha publicación dixital que rexurde na rede após tres anos dende o último número da revista en papel, que funcionaba como unha especie de anuario do colexio. A nova revista volve coa vocación de ser unha canle de comunicación para toda a comunidade educativa, un foco para a difusión da cultura e un patio para o entretemento, a brincadeira e a prendizaxe. Os alicerces que queren soster esta revista son:
- O uso do galego como lingua principal das publicacións; a oferta de información e entretemento en galego para a nosa mocidade e abafantemente escasa en comparación coa que lles chega en castelán ou incluso en inglés, e queremos poñer o noso granciño de area cunha publicación enteiramente en galego, agás, obviamente, para aqueles artigos que xurdan ao albor dunha materia impartida oficialmente noutra lingua, como é o caso de Lingua castelá ou de Inglés.
- As temáticas tan variadas como queira a comunidade: novas do colexio, actividades extraescolares, entrevistas, artigos de divulgación das distintas materias, recensión de ferramentas útiles, de libros, de videoxogos...
- O protagonismo do alumnado, de Infantil, de Primaria e de Secundaria: o profesorado (e as familias) pode promover, esporear e supervisar, mais deben ser os nenos e as nenas, a rapazada, quen faga a revista, tanto para mellorar as súas competencias coma para divertirse.
- A publicación constante. Fiadeiro non terá unha periodicidade semanal ou mensual, senón que se irá actualizando segundo xurdan novos contidos que ofrecer.
- A igualdade, a inclusividade e os valores democráticos.
Xa que logo, toda a comunidade educativa está invitada a participar: coa implicación activa de todas e todos seremos quen de construír un medio de comunicación útil, divertido e que achegue un chisco de coñecemento e de valores que nos axuden a medrar coma persoas.
Aquí atoparades crónicas das saídas que fai o alumnado, fotografías de celebracións, recensións de libros ou videoxogos, pasatempos, curiosidades sobre ciencia, lingua... E calquera outra cousa sobre a que o noso alumnado quera tratar!
Se queredes recibir un correo electrónico cada vez que se publique un novo contido, anotádevos aquí.
![]() |
Fiadeiro en papel, cursos 16/17 e 17/18 |
Comentarios
Publicar un comentario
Os comentarios están moderados. Por favor, sé respectuoso e coida a redacción para ser ben comprendido. Non se admitirán comentarios anónimos.